Cando Vega sexa o norte

Cando Vega sexa o norteCréditos a imaxe e copyright: Miguel Claro | Dark Sky Alqueva
Explicación: en só uns 12.000 anos Vega será a estrela do norte, a estrela brillante máis achegada ao polo norte celeste do noso fermoso planeta. Por entón, cando suxeites unha cámara a un trípode as exposicións longas do ceo nocturno amosarán os arcos concéntricos dos ronseis estelares centrados nun punto preto de Vega mentres a Terra rota sobre o seu eixo. Por suposto, a estrela brillante que na actualidade está preto do polo norte celeste é Polaris, pero iso cambiará mentres o eixo de rotación da Terra precesa, coma o abalo dun peón cun periodo de precesión duns 26.000 anos. Se a túa cámara está lista agora e non queres agardar 12.000 anos a que Vega sexa a estrela do norte, pensa nesta demostración enxeñosa de ronseis estelares actuais (esquerda) contra ronseis estelares que evocan ao ano 14.000 e.c. (Tradución literal do “CE” ou “common era” do orixinal, no canto do máis habitual “despois de cristo”). Ámbalas dúas foron captadas este abril na Reserva de Ceo Escuro Alqueva no Alentexo (Portugal). Para producir os ronseis estelares máis centrados en Vega do futuro afastado, o astrónomo Miguel Claro combinou a rotación de dúa monturas con seguemento para crear o aparente cambio no polo norte celeste do planeta Terra.