Derradeiro día da MESSENGER en Mercurio

Derradeiro día da MESSENGER en MercurioCréditos da imaxe: NASA, Johns Hopkins Univ. APL, Arizona State Univ., CIW
Explicación: a sonda espacial MESSENGER, a primeira en orbitar Mercurio, rematou a descansar nesta rexión da superficie de Mercurio onte. A escena, construída a partires dos datos do altímetro láser e de imaxes da MESSENGER, mira ao norte sobre a crista norleste da conca Shakespeare, ampla e chea de lava. O gran cráter Janacek, de 48 quilómetros (30 millas) de ancho, está preto do bordo superior esquerdo. A altura do terreo está codificada en cor sendo as rexións vermellas uns 3 quilómetros máis altas cás azuis. A órbita final da MESSENGER foi predita para rematar preto do centro, coa nave espacial impactando na superficie a uns 4 quilómetros por segundo (unhas 87 000 millas por hora) e creando un cráter novo duns 16 metros (52 pés) de diámetro. O impacto no lado afastado de Mercurio non se ollou por telescopio, pero confirmouse en canto non se detectaron sinais desde a sonda espacial ao pasar o tempo para emerxer por tras do planeta. A nave espacial MErcury Surface, Space ENvironment, GEochemisty and Ranging (“exploradora de xeoquímica, contorno espacial e superficie de Mercurio”), lanzada en 2004, completou unhas 4.000 órbitas despois de chegar ao planeta máis interior do Sistema Solar en 2011.