Dúas horas antes de Neptuno

Dúas horas antes de NeptunoCréditos da imaxe: Voyager 2, NASA
Explicación: dúas horas antes do seu achegamento máis próximo a Neptuno en 1989, a sonda espacial automática Voyager 2 tomou esta fotografía. Por primeira vez foron claramente visibles as grandes nubes de tipo cirrus e cor clara flotando no alto da atmosfera de Neptuno. Incluso poden ollarse as sombras destas nubes sobre a cuberta de nubes inferiores. A maior parte da atmosfera de Neptuno está composta de hidróxeno e helio, que é invisible. Por tanto, a cor azul de Neptuno vén das cantidades máis pequenas de metano atmosférico, que absorbe de xeito preferente a luz vermella. Neptuno ten os ventos máis rápidos do Sistema Solar, con refachos que acadan os 2 000 quilómetros por hora. Especúlase sobre se poden crearse diamantes nas condicións de calor e densidade que existen baixo as nubes altas de Urano e Neptuno. Vinte e seis anos máis tarde, a New Horizons da NASA está a piques de ser a primeira sonda espacial en pasar a fume de carozo por Plutón este mes de xullo.