Explorando as Antenas

As antenasDatos da imaxe: Subaru, NAOJ, NASA/ESA/Hubble, R.W. Olsen – Procesado: Federico Pelliccia e Rolf Wahl Olsen
Explicación: a uns 60 millóns de anos luz de distancia na constelación do sur Corvus, dúas grandes galaxias están a colisionar. As estrelas das dúas galaxias, catalogadas coma NGC 4038 e NGC 4039, case nunca coliden no curso do esgotador cataclismo, que dura centos de millóns de anos. Pero as súas nubes grandes de gas e po molecular a miúdo si o fan, desencadeando episodios furiosos de formación estelar preto do centro das ruínas cósmicas. Esta composición espectacular, que abarca uns 500 milleiros de anos luz, tamén desvela cúmulos estelares novos e materia guindada ao lonxe desde a escena do accidente polas forzas de marea gravitatoria. A destacada imaxe colaborativa é un mosaico construído usando datos procedentes de telescopios terrestres pequenos e grandes para salientar a gran escala mailas tenues correntes de marea, compostas cos núcleos brillantes fotografados moi polo miúdo polo Telescopio Espacial Hubble. Por suposto, a suxerente aparencia visual das grandes estruturas en arco danlle ao par galáctico o seu nome popular: as Antenas.