A cola do cometa Lovejoy

A cola do cometa LovejoyCréditos da imaxe e copyright: Rogelio Bernal Andreo (Deep Sky Colors)
Explicación: voando polo norte do ceo do planeta Terra, a coma verdella maila cola iónica tinguida de azul do cometa Lovejoy estarrícanse por este campo de estrelas da constelación Taurus o 13 de xaneiro. O recadro na parte superior esquerda amosa o tamaño angular de 1/2 grao da lúa chea a xeito de escala. Por iso a coma de Lovejoy aparece só un pouco máis pequena (pero moito máis tenue) ca unha lúa chea no ceo, e a súa cola é visible ao longo duns 4 graos polo recadro. Iso correspóndese cuns 5 millóns de quilómetros á distancia estimada do cometa de 75 millóns de quilómetros desde a Terra. A cola iónica tenue e estruturada do cometa, inchada polo vento solar, flúe desde o Sol, medrando mentres este cometa Lovejoy se dirixe cara o perihelio, o seu achegamento máis próximo ao Sol, o 30 de xaneiro. Mentres o gas carbónico diatómico (C2) que emite fluorescencia coa luz solar produce a cor verde da coma, a cola azulada máis tenue é tinguida pola emisión do monóxido de carbono ionizaco (CO+).