Os cantís do cometa Churyumov-Gerasimenko

Os cantís do cometa Créditos da imaxe e licenza (CC BY-SA 3.0 IGO): ESA, Rosetta spacecraft, NAVCAM. Procesado adicional: Stuart Atkinson
Explicación: estes altos cantís ocorren na superficie dun cometa. Descubriuse que forman parte do núcleo escuro do cometa Churyumov–Gerasimenko (CG) pola Rosetta, unha nave espacial automática lanzada pola ESA que comezou a orbitar o cometa a primeiros de agosto. Os irregulares cantís, tal e como se amosa aquí, foron fotografados pola Rosetta hai unhas dúas semanas. Aínda que sobrepasan un quilómetro de altura, a baixa gravidade superficial do cometa CG probablemente farían que nun chouto desde os cantís, dado por un humano, sobreviría. Ao pé dos cantís hai un terreo relativamente suave punteado con penedos duns 20 metros de diámetro. Os datos da Rosetta indican que o xeo do cometa CG ten unha fracción de deuterio significativamente diferente, e por tanto probablemente unha orixe diferente, do que a auga dos océanos da Terra. Está programado que a nave espacial Rosetta continúe a acompañar ao cometa mentres realiza a súa aproximación máis achegada ao Sol en agosto de 2015.