Andrómeda en visual e infravermello


Créditos da imaxe: Subaru Telescope (NAOJ), Hubble Space Telescope
Mayall 4M Telescope (KPNO, NOAO), Digitized Sky Survey, Spitzer Space Telescope
Procesado e copyright: Robert Gendler
Explicación: esta extraordinaria imaxe composta en cor sintética construíuse a partires de arquivos de datos de fotografías astrónomicas en luz visible e infravermella. O campo de visión abarca a Galaxia Andrómeda (M31), unha enorme espiral a tan só 2,5 millóns de anos luz de distancia. De feito, cunhas dúas veces o diámetro da nosa propia Vía Láctea, Andromeda é a galaxia achegada máis grande. A poboación de brillantes estrelas novas azuis de Andrómeda atópase ao longo dos seus extensos brazos espirais, cun brillo avermellado desvelador de rexións de formación estelar marcadas polos datos de luz visible de telescopios terrestres e espaciais. Pero os datos do infravermello procedentes do Telescopio Espacial Spitzer, tamén combinados directamente nas canles de cor vermella e verde da detalalda composición, salientan os grumosos corredores de po amornados polas estrelas novas mentres se envolven aínda máis preto do núcleo da galaxia. O po morno, doutro xeito invisible en lonxitudes de onda do visual, aparece en cores laranxas. Tamén se inclúen no cadro dúas galaxias compañeiras máis pequenas, M110 (debaixo) e M32 (enriba) .