A Vía Láctea sobre o val da Lúa

A Vía Láctea sobre o Val da LúaCréditos da imaxe e copyright: Rafael Defavari
Explicación: a nosa galaxia Vía Láctea arquéase sobre unha paisaxe desolada nesta fantástica vista panorámica do ceo nocturno. A escena sobrenatural mira ao través do terreo árido e erosionado do Val da Lúa no deserto chileno de Atacama. Xusto ao longo do horizonte están as luces de San Pedro (Chile), así coma as pequenas vilas de Socaire e Toconao, e unha estrada ventosa e torturadora que vai da cidade de Calama a San Pedro. O mosaico de cinco paneis, tomados o 18 de outubro, amosa as catro galaxias que se recoñecen sinxelamente desde as rexións de ceos escuros do noso fermoso planeta. No extremo esquerdo, as galaxias satélite coñecidas coma as Nubes de Magallanes Pequena e Grande están enmarcadas polos seus homónimos terrestres. Moito máis feble e á dereita, máis alá do vulto central da Vía Láctea, está a galaxia Andrómeda. A máis afastada da imaxe, Andrómeda está a uns 2,5 millóns de anos luz de distancia.