Plato e os Alpes lunares

Plato e os Alpes lunaresCréditos da imaxe e copyright: Richard Bosman
Explicación: o cráter Plato, de 95 quilómetros de ancho e fondo escuro, mailos cumios alumeados polo Sol dos Alpes lunares (Montes Alpes) saliéntanse nesta definida instantánea dixital da superficie da Lúa. Mentres os Alpes do planeta Terra se ergueron durante millóns de anos ao colisionar paseniñamente as plataformas continentais, os Alpes lunares probablemente se formaron por unha colisión repentina que creou a xigante conca de impacto coñecida coma o Mare Imbrium ou o Mar das Choivas. O mare, en xeral chairo e co solo asolagado de lava, pode verse por baixo da cadea montañosa. O accidente xeográfico prominente e recto que corta ao través das montañas e o val alpino lunar (Vallis Alpes). O val, que une o Mare Imbrium e o setentrional Mare Frigoris (Mar do Frío), esténdese cara a parte superior dereita, cuns 160 quilómetros de longo e ata 10 quilómetros de ancho. Como non podía ser outra, a montaña alpina grande e brillante por baixo e á dereita do val recibe o nome de Mont Blanc. O máis alto dos Alpes lunares, chega a uns 3 quilómetros por riba da superficie. Os Alpes lunares, que carecen de atmosfera, por non mencionar a neve, probablemente non sexan un lugar ideal para unhas vacacións de inverno. Aínda así, un esquiador de 150 libras (68 quilogramos) pesaría tan só 25 libras (11 quilogramos) sobre a Lúa.