Avión, nubes, Lúa, manchas, Sol

Avión, nubes, Lúa, manchas e SolCréditos da imaxe e copyright: Doyle Slifer
Explicación: qué é iso perante o Sol? O obxecto máis achegado é un avión, que se pode ollar xusto por diante do centro do Sol e captado soamente por casualidade. O seguinte son nubes abundantes da atmósfera da Terra, que crean unha serie de raias horizontais escurecidas. Máis afastada está a Lúa da Terra, que se ve coma unha gran mordedela circular e escura na parte superior dereita. Xusto por riba do avión e por baixo da superficie do Sol están as manchas solares. O grupo principal de manchas captadas aquí, AR 2192, é un dos máis grandes nunca gravados antes e leva faiscando e estourando con labaradas desde que pasou ao redor do bordo do Sol a comezos da semana pasada. Tomado o pasado xoves, este espectáculo de siluetas solares tivo, desafortunadamente, pouca vida. Nuns poucos segundos o avión voou fóra do cadro. Nuns poucos minutos as nubes derivaron cara fóra. Nunhas poucas horas a eclipse parcial do Sol pola Lúa rematou. Só o grupo de manchas solares fica, pero nuns poucos días incluso AR 2192 desaparecerá ao redor do bordo do Sol. Por sorte, cando se trata do Sol ata os inesperados aliñamentos son abraiantemente frecuentes.