Siluetas de Lúa chea


Créditos do vídeo e copyright: Mark Gee; Música: Tenderness (Dan Phillipson)
Explicación: algunha vez ollaches como saía a Lúa? O lento erguer dunha lúa case chea sobre un horizonte claro pode ser unha visión impresionante. Un mencer luar abraiante fotografouse a comezos de 2013 sobre o Monte Victoria Lookout en Wellington, Nova Celandia. Cunha planificación moi polo miúdo, un industrioso astrofotógrafo puxo unha cámara a dous quilómetros de distancia e apuntou ao través do posto de vixilancia onde a Lúa faría con seguridade o seu pronto debut. A secuencia superior de disparos únicos está sen editar e amósao en tempo real; non é un vídeo secuencia. A xente sobre o Monte Victoria Lookout pode ollarse en silueta admirando o mencer do satélite máis grande da Terra. Non é difícil ollar un mencer luar por ti mesmo: ocorre cada día, aínda que só a metade das veces de noite. Cada día a Lúa érguese uns cincuenta minutos máis tarde có día anterior, cunha lúa chea saíndo sempre ao solpor. Un bo momento para ver un mencer luar acontecerá no solpor do martes mentres a Lúa en fase chea relativamente máis achegada á Terra, chamada unha superlúa, provocará que pareza lixeiramente máis grande e brillante do habitual.