Paisaxe revolta de nubes en Saturno

Paisaxe de nubes revoltas en SaturnoCréditos da imaxe: Cassini Imaging Team, SSI, JPL, ESA, NASA
Explicación: a cámara gran angular da sonda espacial Cassini, adquirindo as súas primeiras imaxes con luz solar do extremo setentrional de Saturno a finais de 2012, gravou esta impresionante imaxe en cores falsas do polo norte do planeta anelado. Os datos do infravermello achegado da imaxe composta resultan en cores vermellas para as nubes baixas e verdes para as altas, dándolle á paisaxe de nubes Saturnianas unha aparencia vívida. A tormenta parecida a un furacán do polo norte de Saturno, enorme para os estándares terrestres, é escura, vermella e ten uns 2.000 quilómetros de ancho. As nubes no seu bordo máis externo viaxan a uns 500 quilómetros por hora. Outros vórtices atmosféricos tamén xiran no interior da corrente de seis lados , grande e verde amarelada, coñecida coma o hexágono. Máis alá das nubes altas do extremo superior dereito, arquéanse os rechamantes aneis do planeta cun azul brillante.