A zona da Tarántula

A zona da TarántulaCréditos da imaxe e copyright: Marco Lorenzi

Explicación: a Nebulosa Tarántula ten máis de 1.000 anos luz de diámetro, unha rexión xigante de formación estelar no interior da nosa galaxia veciña a Gran Nube de Magallanes (LMC). Ese arácnido cósmico sitúase cara a parte superior esquerda desta fonda e colorida vista telescópica feita por medio de filtros de banda estreita e de banda ancha. A fotografía abarca case 2 graos (4 lúas cheas) do ceo e cobre unha parte dos aproximadamente 8.000 anos luz de diámetro de LMC. No interior da Tarántula (NGC 2070), a radiación intensa, os ventos estelares e os estoupidos de supernova desde os cúmulos novos centrais de estrelas masivas, catalogado coma R136, fortalece o brillo nebular e forma os filamentos de arañeira. Ao redor da Tarántula hai outras rexións violentas de formación estelar con cúmulos de estrelas novas, filamentos e nubes con forma de burbulla. De feito, o recadro inclúe o lugar da supernova máis achegada dos tempos modernos, SN 1987A, xusto por riba do centro. O rico campo de vista sitúase na meridional constelación Dorado.