M16 e a Nebulosa Aguia

m16 a nebulosa aguiaCréditos da imaxe e copyright: Adam Block, Mt. Lemmon SkyCenter, Univ. Arizona
Explicación: un cúmulo estelar duns 2 millóns de anos de idade, M16 está arrodeado polas nubes natais de po e gas brillante que tamén se coñecen coma a Nebulosa Aguia. Esta imaxe fermosamente detallada da rexión inclúe esculturas cósmicas que se fixeron famosas nos primeiros planos do Telescopio Espacial Hubble de complexos de formación estelar. Descritas coma trompas de elefante ou os Piares da Creación, as columnas densas e poeirentas que se erguen preto do centro teñen anos luz de lonxitude pero contráense gravitatoriamente para formar estrelas. A potente radiación procedente das estrelas do cúmulo erosiona o material preto dos cumios, para ao final expoñer as estrelas novas incrustadas. Estendéndose desde o bordo esquerdo do cadro hai outra columna poeirenta de formación estelar coñecida coma a Fada da Nebulosa Aguia. M16 e a Nebulosa Aguia están a uns 7.000 anos luz de distancia, un obxectivo doado para prismáticos ou telescopios pequenos nunha parte do ceo rica en nebulosas cara a dividida constelación de Serpens Cauda (a cola da cobra).