O cometa PanSTARRS con galaxia

O cometa Panstarss e galaxiaCréditos da imaxe e copyright: Alessandro Falesiedi
Explicación: atravesando lentamente os ceos setentrionais, o cometa PanSTARRS C/2012 K1 pousaba para este retrato telescópico o 2 de xuño na constelación Ursa Major. O corpo xeado procedente da nube de Oort, agora no sistema solar interior, amosa dúas colas; unha cola ampla de po máis clara e unha cola iónica retorta que se estende cara abaixo e á dereita. A coma condensada e verdecente do cometa crea un fermoso contraste co fondo punteado de estrelas amarelentas por enriba. NGC 3319 aparece no extremo superior esquerdo do recadro abarcando case dúas veces o diámetro aparente da Lúa chea. A galaxia espiral está a uns 47 millóns de anos luz de distancia, moito máis afastada que as estrelas da nosa propia Vía Láctea. En comparación, o cometa está a tan só 14 minutos luz desde o noso fermoso planeta. Este cometa PanSTARRS medrará lentamente en brillo nos vindeiros meses manténdose coma un bo obxectivo para os observadores telescópicos cometarios e acadando o perihelio, o seu punto máis achegado ao Sol, mentres se mantén máis alá da órbita da Terra a finais de agosto.