Un flash verde desde o Sol

O raio verde
Créditos da imaxe e copyright: Daniel López (El Cielo de Canarias)
Explicación: moitos pensan que só é un mito. Outros cren que é certo pero que a súa causa non se coñece. Os aventureiros gábanse de telo visto. É un flash verde procedente do Sol. A verdade é que o flash verde existe e a súa causa coñécese ben. Xusto mentres no solpor o Sol desaparece completamente da vista, un último relampo aparece abraiantemente verde. Normalmente o efecto pode verse só desde localidades cun horizonte baixo e afastado e dura só uns poucos segundos. Un flash verde pode verse tamén durante o mencer do Sol, pero requira unha mellor elección para albiscalo. Un flash verde espectacular, así coma un aínda máis estraño flash vermello, foi captado na fotografía superior recentemente observado durante un solpor que se puido ollar desde o Observatorio do Roque de Los Muchachos nas Illas Canarias, España. O propio Sol non se volve parcialmente verde ou vermello; o efecto é provocado polas capas da atmosfera da Terra que actúa coma un prisma.