Analema marciano do Opportunity

Analema marciano do Opportunity
Image Credit: NASA/JPL/Cornell/ASU/TAMU
Explicación: ollando en fite ao ceo marciano, o todoterreo Opportunity captou unha imaxe ás 11:02 AM, hora local media, máis ou menos cada terceiro sol, ou día marciano, durante un ano marciano. Como é natural, o resultado é este analema marciano, unha curva debuxada polo movemento do Sol ao través do ceo ao longo dun ano (668 soles) no Planeta Vermello. Abarcando as datas da Terra que van desde o 16 de xullo de 2006 ao 2 de xuño de 2008, as imaxes móstranse compostas nesta proxección de ollo de peixe centrada no cénit. O norte está na parte superior, arrodeado por un ceo e unha paisaxe panorámicos feitos a finais de 2007 desde o interior do cráter Victoria. O tinguido ceo marciano bloqueouse ao redor das imaxes da analema para amosar claramente as posicións do Sol. A diferencia da analema da Terra , en forma de figura de 8, a analema marciana ten forma de pera, xa que a inclinación do seu eixo é similar pero a órbita é máis elíptica. Cando Marte está máis afastado do Sol, o Sol avanza lentamente polo ceo marciano creando a parte superior en punta da curva. Cando se achega ao Sol e se move rapidamente, o movemento solar aparente estírase no fondo, facéndose redondeado. Durante varios soles algúns do fotogramas perdéronse debido ás operacións do todoterreo e as tormentas de area.