Unha visión en directo desde a Estación Espacial Internacional


Créditos: NASA, UStream, HDEV Project
Explicación: se estiveras a flotar por riba da Terra agora mesmo, isto é o que poderías ver. Hai dúas semanas, a cápsula automática SpaceX Dragon que entregou repostos na International Space Station (ISS ou Estación Espacial Internacional) que orbita á Terra, tamén entregou cámaras High Definition Earth Viewing (HDEV ou Visionado da Terra en Alta Definición) que tomaron e transmitiron imaxes en directo da Terra. Enriba móstrase, cando traballaban, o vídeo directo creado alternando entre as catro cámaras, cada unha apuntando a un diferente lugar. Olla as nubes brancas, a terra queimada e os océanos azuis á deriva. O vídeo superior aparecerá en negro cando sexa de noite na Terra por baixo, pero a rápida órbita de 90 minutos da estación espacial comprime este tempo de escuridade en só 45 minutos. A localización actual da ISS por riba da Terra pode atoparse na rede. Se o vídeo aparece gris, isto indica que a vista ou está a cambiar entre as cámaras ou que as comunicación coa ISS non están dispoñibles temporalmente. Mentres o proxecto HDEV continúa, examinarase a calidade do vídeo para avaliar os efectos da radiación de alta enerxía, que clases de cámaras funcionan mellor e que imaxes da Terra son as máis populares. Aínda que esta transmisión xa rematou, aprendéronse leccións que permitirán mellorar as cámaras que se levarán á ISS no futuro, que probablemente nos enviarán transmisións en directo aínda máis interesantes.