O po do Halley e a Vía Láctea

No po do cometa HalleyCréditos da imaxe e copyright: Mike Taylor
Explicación: nas primeiras horas da madrugada do 6 de maio non había Lúa cando os grans do po cósmico raiaron os ceos escuros. A chuvia anual de meteoros, varrida mentres o planeta Terra atravesa as correntes de refugallos poeirentos deixados no paso do cometa periódico Halley, coñécese coma as Eta Aquáridas. Esta inspirada exposición capta o ronsel dun meteoro que se move desde a esquerda á dereita polo cadro. A súa cola apunta atrás, polo medio da Vía Láctea, cara o radiante por riba do horizonte na constelación Aquarius. Famosos pola velocidade, os meteoros Eta Aquáridas móvense rápido, entrando na atmosfera a uns 66 quilómetros por segundo. As augas calmas da pequena poza preto de Albion en Maine (EUA) reflicten a escena estrelada e o brillo laranxa das luces artificiais achegadas esparexido por un banco de nubes baixas. Por suposto, os olladores celestes do hemisferio setentrional están a agardar unha nova chuvia de meteoros o 24 de maio, as Camelopardálidas, provocadas polo po do cometa periódico 209P/LINEAR.