A cola da galaxia Hamburguesa

A galaxia hamburguesaCréditos da imaxe e copyright: Martin Pugh
Explicación: as imaxes telescópicas definidas de NGC 3628 amosan un disco galáctico inchado dividido por corredores escuros de po. Naturalmente, este fondo retrato da magnífica galaxia espiral, de canto, trae á mente de moitos astrónomos o seu popular alcume, a Galaxia Hamburguesa. Tamén desvela unha pequena galaxia achegada, probablemente unha satélite de NGC 3628, e unha feble pero extensa cola de marea. O atraínte universo illa ten os seus 100.000 anos luz de diámetro e está a 35 millóns de anos luz de distancia na constelación setentrional e primaveral de Leo. A súa alongada cola estírase uns 300.000 anos luz, máis alá aínda do bordo esquerdo do amplo recadro. NGC 3628 comparte a súa veciñanza no Universo local con outras dúas grandes espirais M65 e M66 nun grupo tamén coñecido coma o triplete de Leo. As interaccións gravitatorias cos seus veciños cósmicos problamemente son responsables de crear a cola de marea, así como do extenso fulgor e a torsión deste disco da espiral.