Un cúmulo de galaxias magnifica unha supernova afastada

Supernova magnificada por cúmulo de galaxiasCréditos da imaxe: NASA, ESA, C. McCully (Rutgers U.) et al.
Explicación: como calibrar unha enorme lente gravitatoria? Neste caso a lente é o cúmulo de galaxias Abell 383, un conglomerado masivo de galaxias, gas quente e materia escura que se atopa a uns 2,5 mil millóns de anos luz de distancia (corremento ao vermello z=0,187). O que se precisa calibrar é a masa do cúmulo, en particular a cantidade e a distribución da materia escura. Unha nova técnica de calibración estivo a ser probada recentemente, consistente en agardar a que acontezan as supernovas dunha clase moi específica por tras do cúmulo de galaxias e entón averiguar en que cantidade o cúmulo debeu magnificar estas supernovas ao través da lente gravitatoria. Esta técnica complementa outras medidas que inclúen o cálculo da materia escura necesitada para conter movementos galácticos internos, confinar o gas quente do cúmulo e crear as distorsións da imaxe de lente gravitatoria. Na imaxe de enriba que procede do Telescopio Espacial Hubble, o cúmulo de galaxias A383 amosa as súas capacidades de lente gravitatoria á dereita pola grande distorsión das galaxias do fondo por tras do centro do cúmulo. Á esquerda está unha galaxia afastada que se amosa tanto antes coma despois dunha recente supernova descuberta. Ata o de agora, as supernovas de calidade para calibrar do Tipo Ia atopáronse por tras doutras dúas galaxias dos cúmulos polo proxecto Cluster Lensing And Supernova survey with Hubble (CLASH ou Sondaxe de Supernovas e Lente Gravitatoria de Cúmulos co Hubble).