T Tauri e a nebulosa variable de Hind

T Tauri e a nebulosa variable de HindCréditos da imaxe e copyright: Bill Snyder (nos Sierra Remote Observatories)
Explicación: a estrela amarelada preto do centro desta paisaxe telescópica poeirenta é T Tauri, prototipo da clase de estrelas variables T Tauri. Xusto ao seu carón está a nube cósmica amarela coñecida historicamente coma a nebulosa variable de Hind (NGC 1555). A uns 400 anos luz de distancia, nos límites dunha nube molecular que doutro xeito sería invisible, ámbalas dúas, estrela e nebulosa, se ten ollado que varían significativamente de brillo pero non necesariamente ao mesmo tempo, o engade misterio á estraña rexión. Agora recoñécese xeralmente que as estrelas T Tauri son noviñas (teñen menos duns poucos millóns de anos) e de tipo solar aínda que nas primeiras etapas de formación. Para enguedellar aínda máis o cadro, as observacións en infravermello sinalan que a propia T Tauri forma parte dun sistema múltiple e suxiren que a nebulosa de Hind asociada tamén poida conter un obxecto estelar moi novo. A imaxe, en cores naturais, abarca uns 7 anos luz á distancia estimada de T Tauri.