O Sol en rotación

[youtube=http://www.youtube.com/watch?v=2WRgXvdasm0&w=960&h=540]
Créditos do vídeo: SDO, NASA; composición dixital: Kevin Gill (Apoapsys)
Explicación: cambia o Sol mentres rota? Si, e os cambios poden variar desde o sutil ao dramático. Nas secuencias do vídeo superior, o noso Sol (tal e como o fotografou o  Solar Dynamics Observatory ou Observatorio de Dinámica Solar da NASA) amosa a rotación durante o mes completo de xaneiro. Na imaxe grande da esquerda, a cromosfera solar represéntase en luz ultravioleta, mentres a imaxe máis clara e pequena enriba á súa dereita amosa simultaneamente a máis familiar fotosfera solar en luz visible. O resto das seis imaxes inseridas do Sol salientan a emisión de raios dos relativamente raros átomos de ferro localizados a diferentes alturas da coroa, todas en falsas cores para acentuar as diferencias. O Sol tómase xusto un mes para rotar completamente; rotando máis rápido no ecuador. Unha gran rexión de manchas solares activa rota no interior da imaxe tan pronto como comeza o vídeo. Os efectos sutís inclúen cambios na textura superficial e nas formas das rexións activas. Os efectos dramáticos inclúen numerosos destellos nas rexións activas, e prominencias que entran en erupción e se axitan poden ollarse por todo ao redor do bordo do Sol. Este ano o noso Sol está preto do seu máximo de actividade solar no seu ciclo magnético de 11 anos. Mentres o vídeo remata, a mesma gran rexión de manchas solares activa previamente mencionada rota cara atrás dentro da imaxe, desta volta cun aspecto diferente.