Po de estrelas de NGC 1333

Po estelar de NGC1333Créditos da imaxe e copyright: Al Howard
Explicación: NGC 1333 óllase en luz visible coma unha nebulosa de reflexión, dominada polas cores azuladas características da luz estelar reflectida polo po. A tan só 1.000 anos luz de distancia cara a heroica constelación Perseus, atópase ao bordo dunha gran nube molecular de formación estelar. Este impactante primeiro plano abarca unhas dúas lúas cheas do ceo ou uns 15 anos luz á distancia estimada para NGC 1333. Amosa detalles da rexión poeirenta xunto con indicios que contrastan de emisión vermella procedentes de obxectos Herbig-Haro, chorros e gas brillante golpeado que emana das estrelas formadas recentemente. De feito, NGC 1333 contén centos de estrelas con menos dun millón de anos de idade, a maioría aínda ocultas para os telescopios ópticos polo persistente po estelar. O contorno caótico pode ser semellante ao que había onde se formou o Sol hai uns 4,5 mil millóns de anos.