2012 VP113: o novo obxecto coñecido máis afastado do Sistema Solar

2012VP113 o obxecto coñecido máis afastado do sistema solarCréditos da imaxe: S. S. Sheppard (CIS) e C. Trujillo (Gemini Obs.), NOAO
Explicación: cal é o obxecto coñecido máis afastado do noso Sistema Solar? A nova resposta é 2012 VP113, un obxecto actualmente ao dobre da distancia de Plutón desde o Sol. Enriba, fotografadas, hai unha serie de imaxes do descubrimento tiradas coa Dark Energy Camera (ou Cámara de Enerxía Escura) acoplada ao Telescopio Blanco de 4 metros do NOAO en Chile en 2012, publicadas a semana pasada. O obxecto afastado, que se ve moverse na parte inferior dereita, pénsase que é un planeta anano coma Plutón. Previamente, o planeta anano máis distante coñecido era Sedna, descuberto en 2003. Dado o pequeno tamaño do ceo no que pescudou, probablemente haxa tantos coma 1.000 obxectos máis coma 2012 VP113 existentes no Sistema Solar exterior. 2012 VP113 está actualmente preto do seu achegamento máis próximo ao Sol, nuns 2.000 anos estará unhas cinco veces máis lonxe. Algúns científicos teñen a hipótese de que a razón de que obxectos coma Sedna e 2012 VP113 teñan as súas órbitas actuais débese a que foron dispersados gravitatoriamente alí por un obxecto moito máis grande; posiblemente un planeta sen descubrir moi afastado.