Os núcleos anubrados das galaxias activas

Créditos da imaxe: NASA’s GSFC, W. Steffen (UNAM)
Explicación: como sería viaxar ao centro dunha galaxia activa? Pénsase que a maioría dos centros galácticos albergan buratos negros millóns de veces máis masivos có noso Sol. Porén, os espazos que arrodean estes buratos negros supermasivos poden estar lonxe de seren inactivos, escintilando en moitas cores e asegurándolle ao tipo do obxecto do que falamos o título de Núcleos Galácticos Activos (AGN). Arriba represéntase un vídeo que ilustra como pode ser un núcleo galáctico activo de preto. Normalmente, os AGN amosan discos de acreción masivos que están a alimentar ao burato negro central, así coma potentes chorros que disparan materia cargada electricamente ben lonxe ao interior do Universo. Recentemente atopouse que as nubes de gas e po que se ollan a orbitar aos buratos negros centrais son tan densas que incluso impiden intermitentemente que os penetrantes raios X cheguen a nós. Estes eventos débiles de raios X, tan curtos coma de horas pero tan longos como de anos, foron detectados nunha análise que incluía datos dunha década tomados polo Rossi X-ray Timing Explorer (RXTE ou Explorador Temporal de Raios X Rossi) en órbita da NASA.