M44: o cúmulo do Enxame

M44 cúmulo do enxameCréditos da imaxe e copyright: Bob Franke
Explicación: a tan só 600 anos luz de distancia, M44 é un dos cúmulos estelares máis achegados ao noso Sistema Solar. Tamén coñecido coma o cúmulo do Pesebre ou o Enxame, as súas estrelas aínda son mozas, uns 600 millóns de anos de idade, en comparación aos 4,5 milleiros de millóns de anos do noso Sol. Baseándose nas idades e movementos semellantes polo espazo, M44 e o aínda máis achegado cúmulo estelar das Híades en Taurus, pénsase que naceron xuntos na mesma gran nube molecular. M44, un cúmulo aberto que abarca uns 15 anos luz, aloxa 1.000 estrelas máis ou menos e cobre unhas 3 lúas cheas (1,5 graos) do ceo na constelación Cáncer. M44 coñécese desde a antigüidade, xa que pode verse a simple vista. Xa se describía coma unha nube tenue ou unha brétema celeste moito antes de ser incluída coma a entrada número 44 do catálogo de Charles Messier do século XVIII, mais o cúmulo non se deu resolto nas súas estrelas individuais hasta que se dispuxo de telescopios. As xigantes vermellas e frías, as poucas tinguidas de amarelo do cúmulo, un obxectivo popular para os modernos observadores celestes equipados con prismáticos, espállanse ao través do campo das estrelas azuis e quentes máis brillantes da secuencia principal nesta instantánea do grupo estelar chea de cor.