Foguete, meteoro e Vía Láctea sobre Tailandia

Foguete, meteoro e Vía Láctea sobre TailandiaCréditos da imaxe e copyright: Matipon Tangmatitham
Explicación: pode o ceo nocturno parecer á vez sereo e surrealista? Quizais o que se poida clasificar como sereo na fotografía panorámica superior tirada o pasado venres sexan as luces tenues de pequenas vilas que brillan a través dunha paisaxe escura en primeiro plano do Parque Nacional Doi Inthanon en Tailandia, así coma as numerosas estrelas que brillan a través da escura paisaxe estelar do fondo. Tamén se pode ver ao planeta Venus e unha banda de luz zodiacal á esquerda da fotografía. Porén, tamén se captaron eventos pouco habituais. Primeiro, a franxa central da nosa Galaxia Vía Láctea que, aínda que é un tópico común, semella pendurar aquí surrealistamente por riba do chan. Despois, unha raia fortuíta dun meteoro captouse á dereita da fotografía. Quizais a compoñente máis estraña é a mancha brillante xusto á esquerda do meteoro. Esa mancha é o penacho dun foguete Ariane 5 que se ergue, lanzado uns poucos minutos antes desde Kourou, Güiana Francesa. Como de afortunado foi o astrofotógrafo para capturar o lanzamento do foguete na súa imaxe? Nada afortunado en absoluto; a fotografía foi programada para captar o foguete. No que foi afortunado foi no fotoxénico, e quizais surrealista, que se volveu o resto do ceo.