NGC 5101 e amigos

NGC5101 e amigosCréditos da imaxe e copyright: Martin Pugh
Explicación: este preciso campo de visión telescópica alberga dúas galaxias brillantes. A galaxia espiral barrada NGC 5101 (arriba á dereita) e o sistema, case de canto, NGC 5078 están afastados no ceo por uns 0,5 graos ou, o que é o mesmo, máis ou menos o ancho aparente dunha Lúa chea. Atopadas dentro dos límites da serpeante constelación Hydra, estímase que ámbalas dúas están a uns 90 millóns de anos luz de distancia e teñen un tamaño semellante ao da nosa propia gran galaxia da Vía Láctea. De feito, se as dúas se atopan á mesma distancia e proxectamos a súa separación, esta sería de só 800.000 anos luz ou por aí. Iso é tranquilamente menos da metade da distancia entre a Vía Láctea e a Galaxia de Andrómeda. NGC 5078 está a interactuar cunha galaxia compañeira máis pequena, catalogada coma IC 879, que se olla xusto por baixo e á esquerda do núcleo brillante da galaxia máis grande. Aínda máis ao lonxe as galaxias do fondo espállanse ao redor do campo cheo de cor. Algunhas incluso se poden ver xusto ao través do disco frontal de NGC 5101. Pero as estrelas con picos que destacan están no primeiro plano, ben dentro da nosa propia Vía Láctea.