NGC 6188 e NGC 6164

ngc6188 e ngc 6164Créditos da imaxe e copyright: Harel Boren e Tal Faibish
Explicación: formas fantásticas axexan nas nubes de gas brillante de NGC 6188, a uns 4.000 anos luz de distancia. A nebulosa de emisión atópase preto dos límites dunha gran nube molecular imposible de ollar en lonxitudes de onda do visible, na meridional constelación Ara. As estrelas mozas  e masivas da asociaciónOB1 incrustada en Ara formáronse nesa rexión hai uns poucos millóns de anos, esculpindo as formas escuras e potenciando o brillo nebular coa radiación ultravioleta e os ventos estelares. A propia e recente formación de estrelas probablemente se viu desencadeada polos ventos e explosións de supernovas, a partires de xeracións previas de estrelas masivas, que varreron e comprimiron o gas molecular. Neste lenzo cósmico aparece unida a NGC 6188 a estraña nebulosa de emisión NGC 6164, creada tamén por unha das estrelas masivas de tipo-O da rexión. Cunha aparencia semellante a moitas nebulosas planetarias, a envoltura gasosa e espectacular de NGC 6164 mailo tenue halo arrodean á súa brillante estrela central preto do bordo de abaixo. O impresionantemente amplo campo de vista abarca uns 3 graos (seis lúas cheas), o que se corresponde cuns 200 anos luz á distancia estimada de NGC 6188. Incluíronse datos de banda estreita na composición en cor de aspecto natural, o que lle engade unha cor vermella escura pola emisión dos átomos de hidróxeno xofre e un azul-verdello claro dos átomos de osíxeno.