Micro Lúa sobre súper Lúa

Micro lúa sobre súper lúaCréditos da imaxe: Stefano Sciarpetti
Explicación: viches a grande, brillante e fermosa Lúa chea do pasado mércores pola noite? Pois realmente foi unha micro Lúa! Nesa noite, a Lúa chea máis pequena de 2014 chegou á súa fase completa só unhas horas despois do apoxeo lunar, o momento do seu punto máis afastado da Terra na órbita elíptica da Lúa. Naturalmente, a noite do 22 de xuño do ano pasado houbo unha súper Lúa chea preto do perixeo, o punto máis achegado da súa órbita. O tamaño aparente relativo da micro Lúa do 15 de xuño compárase coa súper Lúa do 22 de xuño na imaxe superior composta dixitalmente coa sobreimpresión de fotografías telescópicas desde Perugia, Italia. A diferenza de tamaño aparente representa unha diferenza na distancia de tan só 50.000 quilómetros entre o apoxeo e o perixeo, dada unha distancia media da Lúa duns 385.000 quilómetros. Canto tes que agardar para ollar outra micro Lúa chea? Ata o 5 de marzo de 2015, cando a pase lunar completa ocorrerá outra vez a unhas poucas horas do apoxeo lunar.