Lúa chea do apoxeo

Lúa chea do apoxeoCréditos da imaxe e copyright: Rick Baldridge
Explicación: esta grande, brillante e fermosa Lúa chea erguíase por riba do Observatorio Lick na noite do mércores. Tradicionalmente, unha Lúa chea en xaneiro podía recibir o nome de  a Lúa do lobo. Pero esta Lúa acadou a súa fase completa o 16 de xaneiro, ás 4:54 TU, a unhas 2 horas do apoxeo, o punto máis afastado da súa órbita elíptica ao redor do planeta Terra. Iso tamén a converte na lúa chea máis pequena de 2014. Naturalmente, a diferenza no tamaño aparente entre as lúas cheas máis grande e máis pequena é difícil de percibir, debido a que a diferenza na distancia entre o apoxeo e o perixeo luar, ou punto máis achegado da órbita da Lúa, é de só uns 50.000 quilómetros, mentres que a distancia media da Lúa anda ao redor dos 385.000 quilómetros. Aínda que non por moito, esta lúa chea do apoxeo foi tamén a máis pequena dos últimos 1.000 anos. Manterase con esa distinción ata unha lúa chea lixeiramente máis pequena que ocorrerá preto do apoxeo en 2154.