O gegenschein sobre Chile

O gegenschein sobre ChileCréditos da imaxe e copyright: Yuri Beletsky (Observatorio Las Campanas, Carnegie Institution)
Explicación: é o ceo nocturno máis escuro na dirección oposta ao Sol? Non é. De feito, un resplandor feble dificilmente discernible coñecido coma o gegenschein (verba alemana para “brillo ao contrario”) pode verse en derredor a 180 graos do Sol nun ceo extremadamente escuro. O gegenschein é luz solar difundida cara atrás por pequenas partículas de po interplanetario. Estas partículas de po son estelas de tamaño milimétrico procedentes de asteroides e orbitan no plano da eclíptica dos planetas. Na fotografía superior do ano pasado hai unha das imaxes máis espectaculares tomadas ata o de agora do gegenschein. Aquí, unha fonda exposición nun ceo realmente moi escuro sobre o Observatorio Las Campanas en Chile amosa o gegenschein tan claramente que incluso pode ollarse o brillo que o arrodea. Os obxectos destacados do fondo inclúen a galaxia Andrómeda, o cúmulo estelar das Pléiades, a Nebulosa California, o cinto de Orión xusto por baixo da Nebulosa Orión e dentro do Bucle de Barnard e as estrelas brillantes de Rigel e Betelgeuse. O gegenschein distínguese da luz zodiacal achegada ao Sol polo elevado ángulo de reflexión. Durante o día, pode ollarse un fenómeno semellante ao gegenschein denominado a gloria no aire ou as nubes que reflicten o Sol en oposición a un avión.

Unha reflexión sobre “O gegenschein sobre Chile

  1. 1, 2, 3, 4… e así ata 1.000 fotos astronómicas do día consecutivas desde o noso comezo, hai case tres anos, desta versión en galego do APOD da NASA.

    É ben certo que non son as “1.000 primaveras máis…” que dicía Cunqueiro, pero imos camiño delas. Pois así, despois do traballiño deste ano, con varios días que quedaron sen traducir polo medio (xa solventado durante as pasadas vacacións) e algún que outro día que non chegamos a tempo, seguiremos co proxecto!!!

    Coma sempre, lembrarvos que estamos abertos a sumar máis persoas para botar unha man. As funcións poden ser diversas:
    – traducir de vez en cando,
    – revisar as traducións,
    – botar unha man co “feisbuc” (no que apenas facemos nada, a verdade, para dinamizalo),
    – axudar co deseño da páxina…

    Unha aperta e moitas gracias a todos os que nos seguides a cotío ou de vez en cando.

Os comentarios están pechados.