O gegenschein sobre Chile

O gegenschein sobre ChileCréditos da imaxe e copyright: Yuri Beletsky (Observatorio Las Campanas, Carnegie Institution)
Explicación: é o ceo nocturno máis escuro na dirección oposta ao Sol? Non é. De feito, un resplandor feble dificilmente discernible coñecido coma o gegenschein (verba alemana para “brillo ao contrario”) pode verse en derredor a 180 graos do Sol nun ceo extremadamente escuro. O gegenschein é luz solar difundida cara atrás por pequenas partículas de po interplanetario. Estas partículas de po son estelas de tamaño milimétrico procedentes de asteroides e orbitan no plano da eclíptica dos planetas. Na fotografía superior do ano pasado hai unha das imaxes máis espectaculares tomadas ata o de agora do gegenschein. Aquí, unha fonda exposición nun ceo realmente moi escuro sobre o Observatorio Las Campanas en Chile amosa o gegenschein tan claramente que incluso pode ollarse o brillo que o arrodea. Os obxectos destacados do fondo inclúen a galaxia Andrómeda, o cúmulo estelar das Pléiades, a Nebulosa California, o cinto de Orión xusto por baixo da Nebulosa Orión e dentro do Bucle de Barnard e as estrelas brillantes de Rigel e Betelgeuse. O gegenschein distínguese da luz zodiacal achegada ao Sol polo elevado ángulo de reflexión. Durante o día, pode ollarse un fenómeno semellante ao gegenschein denominado a gloria no aire ou as nubes que reflicten o Sol en oposición a un avión.