Tutulema: analema con eclipse solar

Tutulema: analema con eclipse total de SolCréditos da imaxe e copyright: Cenk E. Tezel e Tunç Tezel (TWAN)
Explicación: se saíras ao exterior exactamente á mesma hora cada día e tirases unha fotografía que incluíra ao Sol, cambiaría a posición do Sol? Con gran planificación e esforzo, pode tirarse unha serie de imaxes coma esa. O camiño en forma de 8 que o Sol segue durante o curso dun ano recibe o nome de analema. Onte, o día do Solsticio de Inverno no hemisferio setentrional da Terra, o Sol aparecía no fondo da analema. Analemas creadas desde diferentes latitudes aparecerían polo menos lixeiramente diferentes, así coma as analemas creadas en diferentes horas de cada día. Aínda con maior planificación e esforzo, a serie pode incluír unha eclipse total do Sol como unha das fotografías. Así se forma unha analema de eclipse total de Sol ou Tutulema; un termo acuñado polos fotógrafos baseado na palabra turca para unha eclipse. A secuencia de imaxes compostas máis enriba captouse desde Turquía comezando en 2005. A fotografía base para a secuencia procede da fase total dunha eclipse solar tal e como se ollaba desde Side (Turquía), o 29 de marzo de 2006. Tamén se puido ver a Venus durante a totalidade, cara a parte inferior dereita.