Panorámica do Everest desde Marte

Panorámica do everest desde MarteCréditos da imaxe: Mars Exploration Rover Mission, Cornell, JPL, NASA
Explicación: se puideras estar sobre Marte; que poderías ollar? Móvete pola imaxe ampliada para averigualo. O todoterreo robótico Spirit que rodou por Marte desde 2004 a 2009 rubiu ata o alto dun outeiro en 2005. Alí fixo unha serie de fotografías durante tres días que despois foron combinadas dixitalmente nunha panorámica de 360 graos. O Spirit foi instruído para tirar fotografías coa mesma resolución ca un humano cunha vista 20-20. Atoparás a panorámica completa resultante premendo na imaxe de enriba, conseguindo un nivel de detalle sen paralelo na historia da fotografía da superficie marciana. A panorámica foi tirada desde o pináculo de Husband Hill e recibiu o alcume de “panorámica do Everest“, en honor á vista desde a montaña máis alta da Terra. No cráter Gusev poden verse rochas, area enferruxada, un reloxo solar marciano, grandes chairas, cumios achegados, cumios afastados e moreas de area. Ao lonxe, pódense ver cun movemento lixeiro aos diaños de po coma aparicións miúdas de vermello, verde ou azul, as cores dos filtros empregados para formar esta vista en cores naturais.