Rasante do Sol

Rasante do SolCréditos da imaxe: LASCOSOHO ConsortiumNRLESANASA
Explicación: formando un arco cara un ardente destino, este cometa rasante do Sol foi gravado polo Large Angle Spectrometric COronagraph (LASCO ou Coronógrafo Estrométrico de Gran Ángulo) da sonda espacial SOHO o 23 de decembro de 1996. LASCO emprega un disco de ocultación, visible parcialmente na parte inferior dereita, para bloquear o doutro xeito avasalador disco solar e permitindo fotografar os 8 millóns de quilómetros internos da relativamente tenue coroa. Ollamos o cometa mentres a súa coma entra na brillante rexión ecuatorial de vento solar (orientada verticalmente). Colocado no espazo para ollar de xeito continuo ao Sol, a SOHO empregouse ata o de agora para descubrir uns 1.500 cometas, incluíndo numerosos rasantes do Sol. Pénsase que a inmensa maioría dos rasantes do Sol, baseándonos nas súas órbitas, pertencen á familia Kreutz de cometas rasantes do Sol formada por sucesivas crebaduras dun único cometa grande que pasou moi preto do Sol no século XII. O Gran Cometa de 1965, Ikeya-Seki, tamén foi un membro da familia Kreutz, pasando a uns 650.000 quilómetros da superficie do Sol. Pasando tan preto, os rasantes do Sol están sometidos ás destrutivas forzas de marea ademais de á intensa calor solar. Este pequeno cometa, coñecido coma o Cometa de Nadal SOHO 6, non sobreviviu. A finais deste ano, o Cometa ISON, que ten a posibilidade de ser o rasante do Sol máis brillante rexistrado na historia que non é da familia Kreutz, agárdase que sobreviva.

Texto orixinal no APOD.