A Gran Nebulosa Carina

A Gran Nebulosa CarinaCréditos da imaxe e copyright: Lorand Fenyes
Explicación: unha xoia do ceo meridional, a Gan Nebulosa Carina, tamén coñecida coma NGC 3372, abarca uns 300 anos luz, unha das rexións de formación estelar máis grandes da nosa galaxia. Ao igual cá máis pequena e máis setentrional Gran Nebulosa de Orión, a Nebulosa Carina é facilmente visible a simple vista, aínda que á distancia de 7.500 anos luz está 5 veces máis afastada. Este espectacular retrato cósmico desvela os detalles destacados dos filamentos brillantes da zona de gas interestelar e as nubes de po cósmico escuro. O campo de visión, máis ancho cá Lúa Chea en tamaño angular, esténdese aos 300 anos luz de tamaño da nebulosa. A Nebulosa Carina é o fogar de estrelas novas e extremadamente masivas, incluíndo á aínda enigmática variable Eta Carinae, unha estrela con máis de 100 veces a masa do Sol. Eta Carinae é a estrela máis brillante preto do centro da imaxe, xusto á esquerda da poeirenta Nebulosa Keyhole (NGC 3324). Mentres a propia Eta Carinae pode estar a punto de explosionar coma supernova, as imaxes de raios X indican que a Gran Nebulosa Carina foi unha auténtica fábrica de supernovas.

Unha reflexión sobre “A Gran Nebulosa Carina

  1. Como nos EUA seguen co peche gubernamental, as fotos de cada día son publicadas no foro do APOD. Isto provoca que, como vos comentamos en anteriores días, nós só podemos ver as fotos e os textos a partires das 6 A.M., hora oficial de publicación. Cando todo funciona correctamente, podemos ter acceso a elas a partires das 22:00 do día anterior, polo que é máis sinxelo preparar a tradución de cada día.

    Así que é posible que algúns vos perdérades a imaxe de onte, http://astrogalicia.org/apod/2013/10/14/analema-de-mediodia-sobre-acerbaixan/, xa que a traducimos xa no serán. Pensamos que é moi interesante pola súa carga didáctica ao permitir entender mellor os movementos do Sol ou, mellor dito, da Terra ao redor do Sol. Ademais, seica estes días apareceu na tele (supoño que nalgún telexornal) o concepto da Analema, porque xa van dúas ou tres persoas que me preguntas polo tema.

Os comentarios están pechados.