Andrómeda “on the rocks”

Andromeda_on_the_rocksFattinnanzi950Créditos da imaxe e copyrightCristian Fattinnanzi
Explicación: a que distancia das ollado? A Galaxia Andrómeda, a 2,5 millóns de anos luz de distancia, é o obxecto máis afastado que se pode ver facilmente a simple vista. Outros habitantes aparentes do ceo nocturno, as estrelas, os cúmulos mailas nebulosas, atópanse normalmente nun rango duns poucos centos a uns poucos milleiros de anos luz de distancia e ubícanse ben no interior da nosa propia Galaxia Vía Láctea. A Galaxia Andrómeda, tamén coñecida coma M31, é o borrancho preto da parte superior do centro desta paisaxe terrestre e celeste, tirada desde o levante de Italia, preto de Monte Conero na costa do mar Adriático. Desde uns poucos centímetros ata uns poucos millóns de anos luz, a fotografía amosa un impresionante rango de visión. Aínda que a galaxia e as rochas da beiramar poderían verse co ollo nunha noite clara de verán, ningunha cámara captou esta imaxe nunha soa exposición. Debido a que as estrelas seguían a moverse por riba do horizonte mentres se tomaba a fotografía, combináronse nunha varias exposicións separadas que seguían o movemento estelar cunha das rochas e os cantís feita coa cámara estática para crear a cativadora escena.

Texto orixinal no APOD.