M31 fronte a M33

M31 fronte a M33Créditos da imaxe e copyrightRogelio Bernal Andreo (Deep Sky Colors)
Explicación: afastadas por uns 14 graos (28 lúas cheas) no ceo do planeta Terra, as galaxias espirais M31 (esquerda) e M33 son ámbalas dúas grandes membros do Grupo Local, xunto coa nosa propia galaxia Vía Láctea. Este mosaico telescópico en gran angular capta os detalles cheos de cor da estrutura espiral de ambas, mentres que as galaxias masivas veciñas parecen repartirse a ambas beiras da brillante Mirach, a estrela beta da constelación Andrómeda. Pero M31, a Galaxia Andrómeda, está realmente a 2,5 millóns de anos luz de distancia e M33, a Galaxia Triángulo, está tamén a uns 3 millóns de anos luz. Mirach, a só 200 anos luz desde o noso Sol, atópase completamente dentro da Vía Láctea, xunto coas nubes tenues de po que se amorean por toda a imaxe a só uns poucos centos de anos luz sobre o plano galáctico. Aínda que parecen estar sen ningún tipo de ligazón, M31 e M33 están entrelazadas nunha aperta mutua gravitatoria. Os radio-astrónomos teñen atopado indicios dunha ponte de gas hidróxeno neutro que podería conectar ás dúas, evidencia dun encontro cercano no pasado. As simulacións gravitatorias, baseadas en medidas reais, predicen actualmente que a Vía Láctea, M31 e M33 sufrirán as tres mutuos encontros cercanos e potencialmente algunha fusión, nun futuro de miles de millóns de anos.

Texto orixinal no APOD.