NGC 5195: o punto baixo o signo de interrogación

NGC5195: o punto baixo o signo de interrogaciónCréditos da imaxe: Hubble Legacy ArchiveNASAESA – Procesado: José Jiménez Priego
Explicación: a galaxia anana NGC 5195 é máis coñecida coma a compañeira máis pequena da espiral M51, a galaxia do Remuíño. Vistas xuntas parecen trazar unha curva e un punto dunha interrogación cósmica, rexistrada nos debuxos de Lord Rosse do século XIX coma unha das nebulosas espirais orixinais. Empequenecida pola enorme M51 (ou tamén NGC 5194), NGC 5195 abarca uns 20.000 anos luz. Un encontro próximo con M51 probablemente disparou a formación estelar e potenciou os prominentes brazos espirais desa galaxia. Este esplendoroso primeiro plano de NGC 5195, procesado a partires de datos dispoñibles no Hubble Legacy Archive (Arquivo do Legado do Hubble), aclara que a galaxia anana está agora por tras de M51. Unha ponte de marea gravitacional de nubes de po escuro e cúmulos de estrelas azuis e novas estírase desde as aforas de M51 na dereita, aparecendo perfilada contra o brillo amarelento da galaxia anana. A famosa parella de galaxias en interacción atópase a uns 30 millóns de anos luz de distancia, cara o mango do Setestrelo (N.T.: Gran Carro ou Cazo) e a constelación dos Cans de Caza.

Texto orixinal no APOD.

AstroBiocos: encontro galego de astronomía. Apúntate xa!