Nova Delphini 2013

Nova DelphinusCréditos da imaxe e copyrightJimmy Westlake (Colorado Mountain College)
Explicación: empregando un pequeno telescopio para explorar os ceos do 14 de agosto, o astrónomo afeccionado xaponés Koichi Itagaki decubriu unha estrela “nova” dentro dos límites da constelación Delphinus. Sinalada nesta imaxe do ceo captada o 15 de agosto desde Stagecoach, Colorado, agora nomeouse con toda propiedade Nova Delphini 2013. Sagitta, a Frecha, apunta o camiño da ubicación do recén chegado no alto do ceo nocturno, non moi lonxe da brillante estrela Altair e o asterismo coñecido polos observadores celestes do ceo setentrional coma o  Triángulo de Verán. Infórmase que a nova é sinxela de descubrir con binoculares, preto do límite da visibilidade do ollo nú en ceos escuros. De feito, as anteriores cartas de ceo profundo amosan unha estrela coñecida moito máis feble (aproximadamente de magnitude 17) na posición de Nova Delphini, indicando que o brillo aparente desta estrela medrou de súpeto unhas 25.000 veces. Como experimenta unha estrela semellante cambio cataclísmico? O especto de Nova Delphini indica que é unha nova clásica, un sistema estelar binario en interacción no que unha estrela é unha anana branca, quente e densa. O material da estrela compañeira, xigante e fría, cae cara a superficie da anana branca, desenvolvéndose ata que desencadea un evento termonuclear. O drástico incremento no brillo e unha capa de restos en expansión é o resultado; pero as estrelas non se destrúen! Pénsase que as novas clásicas se repiten cando o fluxo do material que cae cara a anana branca se reanuda e produce outro estourido.

Texto orixinal no APOD.

AstroBiocos: encontro galego de astronomía. Apúntate xa!