Obxecto de Hoag: unha estraña galaxia anel

Unha estraña galaxia anelCréditos da imaxe: R. Lucas (STScI/AURA), Hubble Heritage TeamNASA
Explicación: trátase dunha galaxia ou dúas? Esta cuestión xurdiu en 1950 cando o astrónomo Art Hoag topouse con este estraño obxecto extragaláctico. No exterior hai un anel dominado por estrelas azuis brillantes, mentres que preto do centro se atopa unha bola de estrelas moi avermelladas que probablemente son máis vellas. Entre os dous un oco que perece case completamente escuro. Aínda se descoñece como se formou o Obxecto de Hoag, anque agora obxectos semellantes foron identificados e etiquetados colectivamente coma unha forma de galaxia anel. As hipóteses da súa xénes inclúen unha colisión galáctica hai miles de millóns de anos e o efecto gravitacional dunha barra central que xa se esvaeu. A fotografía superior tirada polo Telescopio Espacial Hubble en xullo de 2001 desvelou detalles sen precedentes do Obxecto de Hoag. Observacións máis recentes en ondas de radio indican que o Obxecto de Hoag non acretou unha galaxia máis pequena no último mil de millóns de anos. O Obxecto de Hoag abarca uns 100.000 anos luz e atópase a uns 600 millóns de anos luz de distancia cara a constelación da Serpe (Serpens). Casualmente, pode verse no oco (máis ou menos na posición da unha nun reloxo) outra galaxia anel que probablemente se atopa máis ao lonxe.

Texto orixinal no APOD.