Un intenso sistema de tormentas en Saturno

Unha intensa e longa tormenta en SaturnoCréditos da imaxe: Cassini Imaging TeamSSIJPLESANASAExplicación: foi unha das tormentas en directo máis grandes e duradeiras nunca antes gravada no noso Sistema Solar. Vista por primeira vez a finais de 2010, a formación de nubes na parte superior do hemisferio norte de Saturno comezou sendo meirande ca Terra e pronto se espallou completamente ao redor do planeta. A tormenta foi monitorizada non só desde a Terra senón tamén desde moito máis preto pola sonda espacial robótica Cassini que actualmente está a orbitar Saturno. Na fotografía superior de febreiro en infravermellos con cores simuladas, as cores laranxas indican nubes fondas na atmosfera, mentres que as cores claras resaltan as nubes máis elevadas. Os aneis de Saturno vense case de canto coma a fina liña azul do horizonte. As bandas escuras tortas son as sombras dos aneis proxectadas sobre a parte superior das nubes polo Sol no extremo esquerdo. Por unha fonte de ruído de radio procedente dos lóstregos, pensábase que a intensa tormenta estaba relacionada cos cambios estacionais cando a primavera emerxe no norte de Saturno. Despois de propagarse durante seis meses, a icónica tormenta deu a volta por completo ao planeta e despois tratou de absorber a súa propia cola; o que de xeito abraiante fixo que esmorecese.

Texto orixinal no APOD.