Raios X desde o remanente de supernova SN 1006

Raios X desde o remanente de supernova sn 1006Créditos da imaxe: NASA/CXC/P. Frank Winkler (Middlebury College) Explicación: o que semella un peido de lobo seguramente sexan os restos da supernova máis brillante nos anais da historia humana. No ano 1006 AD, rexistrouse mentres alumeaba os ceos da noite sobre áreas coñecidas agora coma China, Exipto, Iraq, Italia, Xapón e Suíza. A nube de restos en expansión procedentes da explosión estelar, atopada na constelación meridional do Lobo (Lupus), aínda exhibe unha luz cósmica que se mostra ao través do espectro electromagnético. De feito, a imaxe superior resulta dos raios X de tres cores captados polo Observatorio Chandra de Raios-X en órbita. Coñecida agora como o remanente de supernova SN 1006, a nube de restos parece ter uns 60 anos luz de diámetro e sábese que representa os refugallos dunha estrela anana branca. A compacta anana branca, parte dun sistema estelar binario, captaba de xeito gradual material da súa estrela compañeira. O amoreamento de masa desencadeou finalmente unha explosión termonuclear que destruíu á estrela anana. Debido a que a distancia do remante de supernova é duns 7.000 anos luz, esa explosión realmente sucedeu 7.000 anos antes de que a luz chegase á Terra en 1006. As ondas de choque do remanente aceleran as partículas ata enerxías extremas e pénsase que son unha fonte dos misteriosos raios cósmicos.

Texto orixinal no APOD.