Tardígrado na carriza

Tardígrados na carriza

Créditos da imaxe e copyright: Nicole Ottawa & Oliver Meckes / Eye of Science / Science Source Images

Explicación: é isto un extraterrestre? Probablemente non, pero de todos os animais da Terra, o tardígrado ben podería ser o mellor candidato. Iso débese a que se sabe que os tardígrados son quen de existir durante décadas sen comida nin auga, de sobrevivir a temperaturas desde case o cero absoluto ata ben por riba do punto de ebulición da auga, de sobrevivir a presións de case cero a bastante máis alá das que hai nos fondos oceánicos e de sobrevivir á exposición directa a radiacións perigosas. A supervivencia de amplo rango destes extremófilos puido verificarse en 2011 no exterior dun transbordador espacial en órbita. Os tardígrados son tan duradeiros en parte porque poden reparar o seu propio ADN e reducir o contido de auga do seu corpo a unha pequena porcentaxe. Algúns destes osos de auga en miniatura case se converteron en extraterrestres recentemente cando foron enviados á lúa marciana Phobos a bordo da misión rusa Fobos-Grunt, pero ficaron sendo terrestres cando o foguete fallou e a cápsula ficou na órbita da Terra. Os tardígrados son máis comúns cós humanos por toda a Terra. Na fotografía superior, nunha micrografía de electrónica en cores realzadas, un tardígrado cun milímetro de longo agatuña sobre a carriza.

Texto orixinal no APOD.