Os cometas Lemmon e PanSTARRS no cumio

Cometas lemmon e panstarrs no seu cumioCréditos da imaxe e copyright: Yuri Beletsky (ESO)

Explicación: dous cometas impresionantes chegarán ambos ao cumio do seu brillo durante as vindeiras dúas semanas. Tirando ventaxa dunha rara oportunidade de fotografado, ámbolos dous cometas foron captados no ceo xuntos a semana pasada sobre o deserto do Atacama en Sudamérica. O cometa C/2012 F6 (Lemmon), visible na parte superior esquerda da imaxe de arriba, amosa unha cola longa dominada por ións verdes brillantes. O cometa C/2011 L4 (PanSTARRS), visible preto do horizonte máis abaixo á dereita, conta cunha cola brillante dominada polo po reflectindo a luz solar. As colas dos dous cometas apuntan aproximadamente cara ao Sol recentemente ocultado. O cometa Lemmon apenas será visible a simple vista antes do solpor nos ceos meridionais durante a vindeira semana, e despois será visible mellor con binoculares mentres se atenúa e move lentamente cara o norte. Porén, o cometa PanSTARRS, ficará visible nos ceos meridionais só durante uns poucos días máis, despois dos cales continuará sendo abondo brillante para ser localizable co ollo nú mentres se move cara os ceos setentrionais. Para atopar á xigante bola de xeo en fusión PanSTARRS, os afervoados celestes deberán mirar cara o horizonte occidental xusto tralo solpor. Os observadores do ceo profundo están tamén a controlar o brillo do cometa C/2012 S1 (ISON), que pode converterse nun dos obxectos máis brillantes en todo o ceo nocturno cara finais do ano 2013.

Galería despregada: cometas brillantes de 2013

Texto orixinal no APOD.