Chuvia coronal no Sol

Créditos do vídeo: Solar Dynamics ObservatorySVSGSFCNASAMúsica: Thunderbolt por Lars Leonhard

Explicación: chove no Sol? Si, aínda que non cae auga senón plasma extremadamente quente. Un exemplo ocorreu a mediados de xullo 2012 tras unha erupción no Sol que produciu tanto unha Exección de Masa Coronal coma unha labarada solar moderada. Porén, o que foi máis estraño, foi o que sucedeu de seguido. O plasma na corona solar próxima fotografouse arrefriándose e caendo de novo, un fenómeno coñecido coma chuvia coronal. Debido a que están cargados electricamente, os electrónsprotóns e ións da chuvia canalizáronse con elegancia ao longo dos bucles magnéticos existentes preto da superficie do Sol, creando unha escena que semella unha surrealista fervenza sen nacemento e tridimensional. O espectáculo resultante, abraiantamente calmo, amósase en luz ultravioleta e salienta a materia brillante a unha temperatura duns 50.000 Kelvin. Cada segundo do vídeo secuencia superior dura uns 6 minutos en tempo real, polo que a secuencia de chuvia coronal completa durou unhas 10 horas.

Texto orixinal no APOD.

Unha reflexión sobre “Chuvia coronal no Sol

  1. Normalmente as imaxes do Sol son espectaculares por si mesmas. Incluso, a visión do Sol por telescopios específicos e especializados con filtros H-alfa, permiten examinar a súa superficie de forma bastante similar a estas imaxes satelitales (con todos os peros que queiramos poñerlle).

    Pero vídeos como o de hoxe, que condensan a evolución das labaradas ao longo de horas nuns poucos minutos, son unha marabilla e un espectáculo absoluto co que é imposible competir. Por certo, a escala, a Terra cabería sobradamente dentro do bucle de plasma que se forma.

Os comentarios están pechados.