Retrato do Sistema Solar

Retrato do Sistema Solar
Créditos da imaxe: Voyager ProjectNASA

Explicación: noutro Día de San Valentín (o 14 de febreiro de 1990), tras cruzar catro mil millóns de millas (N.T.: máis de seis mil catro centos quilómetros) desde o Sol, a sonda espacial Voyager 1 mirou atrás para facer este primeiro retrato de familia do noso Sistema Solar. O retrato completo é un mosaico de 60 imaxes realizado desde un punto privilexiado a 32 graos por riba do plano da eclíptica. Nel, as imaxes da cámara gran angular da Voyager fan o percorrido ao través do Sistema Solar interior á esquerda, ligándoo co xigante gasoso Neptuno, nestes momentos o planeta máis exterior do Sistema Solar, no extremo dereito. As posicións de Venus, a Terra, Xúpiter, Urano e Neptuno aparecen sinaladas por letras, mentres o Sol é a mancha brillante preto do centro do círculo de imaxes. Os cadros inseridos para cada un dos planetas pertencen á cámara de campo estreito da Voyager. No retrato non se albisca Mercurio, demasiado achegado ao Sol para ser detectado, e Marte, desgraciadamente agochado pola luz solar difundida polo sistema óptico da cámara. A posición do pequeno e tenue Plutón non se cubriu.

Texto orixinal no APOD.