Aurora reflectida sobre Alaska

Mira a explicación. Ao mover o cursor sobre a imaxe conseguirás a versión anotada. Preme na imaxe e obterás unha versión de mellor resolución.

Créditos da imaxe e copyright: Todd Salat (AuroraHunter); Anotacións do ceo: Judy Schmidt

Explicación: algunhas auroras só se poden ver cunha cámara. Denomínanse subvisuais e son demasiado tenues para ollalas a simple vista. Na fotografía superior, a aurora verde era visible facilmente para o ollo, pero a aurora vermella só se fixo aparente tras unha exposición fotográfica de 20 segundos. A razón é que o ollo humano só amorea luz durante unha fracción dun segundo cada vez, mentres ca o obturador dunha cámara pode deixarse aberto moito máis tempo. Ao fotografar unha escena xa de por si pintoresca preto de Anchorage (AlaskaEUA), o pasado outono, unha cámara captou tanto a aurora verde visible como a vermella subvisual reflectidas nun lago cuberto de lirios. Nas alturas, podían verse miles de estrelas incluíndo o cúmulo estelar das Pléiades, mentres o planeta Xúpiter posaba preto do horizonte, xusto por riba das nubes, cara a dereita da imaxe. As auroras son provocadas polas partículas enerxéticas do Sol que impactan na magnetosfera da Terra, facendo que electróns e protóns caian a chuzos preto dos polos terrestres e impacten no aire. Tanto as auroras vermellas coma as verdes son creadas normalmente polos átomos de osíxeno excitados, coa emisión vermella dominando, cando é visible, no máis alto. Sábese que as auroras teñen moitas formas e cores.

Texto orixinal no APOD.